Wednesday 08 de May de 2024

Un novo Anuario Dixital repasa en clave municipal o acontecido en Riveira en 2015


Consta de 111 páxinas e máis de 250 fotografías

Santa Uxía de Riveira, 19 de xaneiro de 2016.- O Concello de Riveira acaba de publicar esta mañá un Anuario Dixital no que se repasa o acontecido no noso municipio durante o 2015.

Con 111 páxinas e máis de 250 fotografías, a revista electrónica titúlase Riveira Futura. Unha mirada municipal ao ano 2015. Está dividida en cinco capítulos titulados, respectivamente, “Os piares estratéxicos”, “Vocación social”, “Un patrimonio de todos”, “Para afianzar o porvir” e “Gañando infraestruturas”.

A través das súas páxinas dase conta de moitas das accións emprendidas a instancias ou con participación do Concello, tales como melloras en infraestruturas (entre as que destacan as incluídas no Riveira Atlántica), actividades culturais e formativas, recoñecementos institucionais, medidas de transparencia e participación cidadá, ordenanzas de carácter social, iniciativas turísticas e para o emprendemento e un longo etcétera…

Na páxina web
Para ler o anuario basta acceder a través da páxina web municipal (www.riveira.es / www.riveira.gal). Así mesmo, está aloxada de forma gratuíta na plataforma issuu, a referente do sector en canto á publicación de revistas e periódicos electrónicos.

Cómpre destacar que, ao igual que xa sucedera co anuario dixital do exercicio pasado (o primeiro destas características editado polo Concello), os traballos de elaboración e maquetación da revista foron enteiramente realizados por persoal do Concello.